NOVAS INICIO CURSO



COMUNICADO AS FAMILIAS

2309

rutas transporte

 

1109

HORARIO PRESENTACIÓNS INICIO CURSO 2020-21

 

horarios presentacións cursos

1109

Pola presente convócaselle a unha reunión informativa de Inicio de Curso 2020/2021 a celebrar nas datas e horas que, a continuación, se relacionan:

 

LUNS DIA 21 SETEMBRO

16:30 HORAS

Representante de alumnado de 1º bacharelato

18:00 HORAS

Representante de alumnado de 2º bacharelato

19:00 HORAS

Representante de  alumnado de 1º ESO

 

MARTES DIA 22 DE  SETEMBRO

16:30 HORAS

Representante de alumnado de 2º ESO

17:30 HORAS

Representante de alumnado de 3º ESO

18:30 HORAS

Representante de  alumnado de 4º ESO

• Dacordo coas medidas hixiénico-sanitarias derivadas do Covid-19, pregámoslles que só acuda 1 representante por unidade familiar.


• Así mesmo, lembrámoslles a obrigatoriedade de usar a máscara e tamén da distancia de seguridade.

1109

O Claustro de Profesorxs do IES Francisco Asorey de Cambados, en reunión extraordinaria Acorda por unanimidade dirixirse á Consellería de Educación para manifestarlle:
 O noso máis absoluto rexeitamento a impartir os cursos de Bacharelato mediante o sistema de Semipresencialidade. A aposta por esta opción que fan as autoridades educativas, crea unha desigualdade profunda entre os que poden cursar as materias de modo presencial, e os que non poderán facelo, xa que nas probas selectivas das Abau, non competirán en condicións de igualdade, o que condicionará enormemente as súas opcións de futuro. Non pode haber dous modelos de formación para un único sistema de acceso á Universidade.
 Que consideramos especialmente grave que nuns centros se poida impartir bacharelato de modo presencial e noutros nos vexamos obrigados a impartilo mediante a división dos cursos, cunha parte presencial e outra semipresencial rotatoria. Non só é inxusto por ter que cambiar o horario habitual destes anos e pasarse ao horario de tarde/noite ( deixando de participar na formación nos conservatorios, a participación en clubs e prácticas deportivas e nas actividades culturais e artísticas), senón que aínda por riba ter que facelo con parte do alumnado no Centro e parte na casa. Hai que engadir a esta situación, o feito de que moitas familias teñen dificultades de conexións, a existencia dunha evidente brecha dixital e a falla de equipamentos para traballar en condicións de igualdade.
 Demandamos a dotación de profesorado, para poder impartir as materias en condicións idóneas de presencialidade, e de protección e saúde, xa que ao ter que ir ao sistema de dobre quenda, temos espazos suficientes e aulas dispoñibles.
 Queremos asimesmo trasladarlles, o noso total descordo co método empregado para tomar esta decisión, así como a absoluta falla de diálogo coa Comunidade Educativa, e coas familias afectadas por decisións que son inxustas e que xeran desigualdade, e que complican amplamente o futuro do noso alumnado de Bacharelato.
 Faremos causa común cos numerosos centros afectados, e participaremos en todas as actividades que se organicen para reivindicar unhas condicións xustas e iguais para todo o alumnado de Bacharelato de Galicia.
Cambados a 17 de Setembro de 2020.  


1109

 

Cambados, 11 de setembro de 2020
Estimadas familias:

Dirixímonos a vós para informarvos sobre a situación do inicio e desenvolvemento do curso escolar 2020/2021.

Desde finais do mes de xuño, a Dirección veu traballando na organización deste curso  escolar seguindo as indicacións ditadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dentro do marco establecido polo Protocolo de Adaptación ó contexto da COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/2021. Estas indicacións, que foron cambiando ó longo do verán, mudaron de forma significativa tras a publicación dunha actualización o día 31 de agosto de 2020. Nas novas instrucións establécese, entre outras cousas, o distanciamento de 1,50 metros entre postos escolares. Tendo en conta as características e as dimensións das aulas do noso centro e o número de alumnos actualmente matriculado, para dar cumprimento a esta premisa faise preciso desdobrar en todos os cursos da ESO, do Bacharelato, de FP Básica e nalgúns grupos dos ciclos de grao medio, polo que serían necesarios máis espazos e tamén dispoñibilidade horaria por parte do profesorado para asumir a docencia nos desdobramentos creados.

Estas dúas necesidades, a dos espazos e a da dispoñibilidade horaria do profesorado, son inasumibles se pensamos na organización á que estamos afeitos todos os cursos. Ante esta situación, desde a Consellería instáronnos a que plantexásemos a organización do curso escolar en xornadas de mañá e de tarde e que xustificásemos cantos profesores e de qué especialidades serían necesarios para cubrir as nosas necesidades.

A organización en xornadas de mañá e de tarde implicaría que uns cursos terían horario lectivo completo só de mañá, outros terían horario lectivo completo só de tarde, coas modificacións horarias correspondentes tanto dos horarios do centro como os do Transporte Escolar, así como a dotación do servizo de Transporte Escolar todas as tardes. En canto ó profesorado necesario, serían precisos vinte e catro profesores a maiores do cupo do centro (60 profesores). De todas estas necesidades, que foron trasladadas á Inspección Educativa o pasado luns, non tivemos resposta sobre se se ían cubrir ou non, polo que, a día de hoxe, non sabemos como se vai desenvolver este curso escolar. Tampouco sabemos se serán cubertas ou non as necesidades plantexadas nin se se nos van dar novas instrucións para planificar outro escenario diferente. Nestes momentos, todo son incertezas. E non só para nós, senón que moitos centros de Galicia estamos diante desta mesma situación.

Desde a Dirección comprendemos a vosa lóxica preocupación e inquedanza sobre esta situación que estades a coñecer a través desta nota informativa. Lamentamos ter que transmitir este tipo de novas e tamén as molestias que lles poidan ocasionar. Desde a Dirección seguiremos traballando para que o alumnado poida volver ás aulas coa atención e seguridade que merece. Levamos moitos días moi preocupados diante de todas estas dificultades que estamos a ter para organizar o curso escolar. Agardemos que esta situación se resolva pronto.

En canto vaiamos tendo novidades, irémosvolas comunicando. Por iso rogamos esteades atentos á información que iremos publicando na páxina web do centro (www.iesfranciscoasorey.es) que tamén será remitida a través dos servizos de mensaxería que vimos utilizando habitualmente (aplicacións TokApp School e AbalarMóbil).

Sen máis, reciban un cordial saúdo,

           A Dirección.